Monday 29 de April de 2024

A Xunta apoiou a posta en marcha dunha explotación gandeira en San Sadurniño con 450 vacas en réxime asociativo


Ovidio Rodeiro destacou que esta cooperativa contou cunha axuda destinadas ao fomento da utilización das instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a Cooperativa Agraria da Coruña, unha das beneficiarias da orden de axudas destinadas ao fomento da utilización das instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)

Concretamente, Ovidio Rodeiro, informou que esta explotación agrícola, situada na parroquia de Santa Mariña de Monte, recibiu unha achega de 833.000 euros que corresponde co 50% da inversión subvencionable de 1,6 millóns de euros para levar a cabo a construción dunha granxa para 450 vacas, 3 silos de forraxe, sala de muxido e unha fosa de xurro.

Nesta orde de axudas son subvencionables as actuacións relacionadas coa reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade, a compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable, os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados, que poden comprender gastos xerais tales como honorarios dos técnicos que elaboren os proxectos de construción ou reforma, licenzas de software e outros permisos e os gastos xerais dos proxectos.

Os beneficiarios destas achegas poden ser cooperativas agrarias titulares de explotacións agrarias que estén no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia e as cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. O representante do goberno autonómico informou que a convocatoria deste ano destas axudas resolverase en breve.

Ovidio Rodeiro destacou “que o sector gandeiro experimentou unha profunda transformación durante os últimos anos. Unha evolución motivada pola constante modernización dos sistemas produtivos, as crecentes esixencias dos mercados e a obrigatoriedade de adaptarse ás diferentes normativas sanitarias ou ambientais”. Neste senso, tamén puxo en valor a “innegable vocación de continuidade e a aposta por seguir crecendo duns gandeiros que durante a última década investiron máis de 1.200 millóns de euros na mellora dos seus negocios”.